Os nosos mestres (EN CONSTRUCCIÓN)

BAILE TRADICIONAL

Nome: Xandre Outeiro

Data e lugar de nacemento: 16 de decembro do 1982 en Cerdedo

Ocupación: Profesor de canto, baile e percusión tradicional

Autodidacta na música tradicional, desde neno participa en distintos colectivos e asociacións, (como Gandaina, de Pontevedra). No ano 2001 comeza a súa formación na Universidade Popular de Vigo, na aula de zanfona, da man de Anxo Pintos. Simultaneamente comeza estudios técnicos de producción musical, e funda a asociación e grupo de pandereteiros O Tear de Llerena, colectivo co que comezará a realizar tanto traballos de campo como concertos e incluso a gravación dun disco titulado …a Jennifer. Algún tempo despois pasa a formar parte da A.C.F. O Fiadeiro, de Vigo, onde participa no grupo de baile e no grupo de pandereteiros Eiravella, cos que grava no disco de O Fiadeiro as pezas que o grupo interpretaba na V gala “Esta noite hai unha fía”. Actualmente tamén imparte aulas de baile tradicional na escola desta asociación.

Máis recentemente funda a Asociación Cultural Trépia –na que traballa actualmente impartindo aulas e coordinando a escola- mailo grupo escénico Projecto [‘trepia], no que se fusionan a música e danza tradicional coa música electrónica e a videocreación. Como compositor e arranxista participa nos dous espectáculos que esta formación ten presentado: Trépia 1punto3 (2009-2010) e …de infinitum (2010-2011), asi como na gravación e produción de ámbolos dous traballos. Este proxecto ten sido premiado en varias ocasións (1º Premio GzCrea 2008 na categoría de música, 2º Premio GzCrea 2008 en videocreación, 2º Premio no Festimad Taste 2009 e 2º Premio XuventudeCrea 2010 na categoría musical.

Ten recibido clases en distintos lugares e cursiños de mestres como Eliseo Parra, Rodrigo Romaní, Francisco Javier Feijóo – Chisco, Xosé Manuel Ambás ou Óscar Fernández, entre outros; e el mesmo ten impartido cursiños en Valencia (Associació de Amics de la Gaita), Madrid (Centro Galego), Lisboa (Centro Cultural Juventude Galega de Lisboa) e Barcelona (A.C. Toxos e Xestas)

Actualmente imparte aulas de percusión, baile e canto tradicional na A.C. Trépia (Pontevedra), na A.C.F. O Fiadeiro (Vigo) e no grupo Pandereteiras do Suído (A Lama), coas que ven de gravar recentemente.

Colaborou con diferentes artistas como Ávalon, Quempallou, SonDeSeu, Foula e Pel de Noz (cos que tamén gravou disco).

Dirixe o grupo e a escola de baile da A.C. Os Muíños de Oliveira dende xaneiro de 2011.

——————————————————————————-

CANTO E PERCUSIÓN TRADICIONAL

Nome: Sandra Diéguez

Data e lugar de nacemento: 25 outubro 1981, en Santiago de Compostela

Ocupación: Profesora de canto e percusión tradicional. Rematando os estudos de Filoloxía Galega e Filoloxía Portuguesa

Comeza a súa formación no ano 1999 na Universidade Popular e en poucos meses pasa a formar parte da orquesta folk Son de Seu, da que tamén foi fundadora.

Recibiu clase de mestres como Rodrigo Romaní, Mercedes Peón, Leni Pérez, Francisco Javier Feijóo – Chisco, Ernesto Campos ou Dorothé Shubart.

Formou parte das pandereteiras da ACF O Fiadeiro de Vigo dende o ano 1999. Formación que pasa a dirixir dende o ano 2004.  Tamén foi mestra de canto e percusión tradicional na súa escola dende o 2002. Continúa nesta formación ata outubro de 2009.

É nesa época (outubro de 2009) cando funda, xunto con outros compañeiros, a AC Traspés, como membro da directiva, pandereteira e directora desta sección.

Imparte clase de canto e percusión tradicional en diversos centros e asociacións. E tamén imparte cursos de música tradicional en lugares como a Universidade da Sorbona (París),  conferencias en colexios e institutos. Deu clase de percusión, canto, polifonías e Historia da música na Etrad de Vigo e foi xurado de diferentes concursos. Traballou tamén para a Xunta no “Tempo de Mulleres” de para a Deputación de Pontevedra no “Pensa en ti”.

Colaborou con diferentes artistas como Rodrigo Romaní, Carlos Núñez, Ávalon, Nao D’ire e a musicóloga Judith Cohen.

Realiza traballo de campo dende hai varios anos.

Dirixe as Pandereteiras Os Muíños de Oliveira dende xaneiro de 2006.

——————————————————————————-

CANTO E PERCUSIÓN TRADICIONAL (“ADULTOS”)

Nome: Samuel Sotelo

Data e lugar de nacemento: 21 de setembro do 1990 en Santiago de Oliveira (Ponteareas)

Ocupación: Técnico en pastelería, panadería e repostería e hostaleiro

Comeza os seu pasos no mundo da cultura tradicional galega no ano 2003, no que entra a formar parte do Grupo de Baile Os Muíños de Oliveira, recibindo clases de Miguel Souto.

Tres anos máis tarde comeza na formación das “Cantareiras”, grupo formado por moitos dos pais e avós dos membros do Grupo de Baile e Música Tradicional e veciños da parroquia a que pertence esta asociación que, por aquel entón, estaba a ser dirixido por Santi Cajarabille e Andrea Gesteira (A. C. A Ponte Vella, A. C. Os Muíños de Oliveira, A. C. F. O Fiadeiro) . No 2009 asume a dirección desta sección e continúa coa formación dos seus membros en canto e percusión.

En xullo do 2010 comeza como percusionista do Grupo de Gaitas “Os Muíños de Oliveira”.

No mes de outubro de 2012 intégrase no Corpo de Baile da A. C. F. O Fiadeiro, de Vigo.

Dirixe as Cantareiras de Oliveira dende xaneiro de 2009.

Deixar un comentario